Para seguir camiño dende o regueiro de Monreal, pasamos por Trigás, as Quenllas, Eiravedra, a Famelga, Santo do Regueiro e Subregos, ata chegarmos ó Outeiro. Neste lugar encrávase a ermida de Santiago, coa súa fonte; ambas foron trasladadas dende a Campa do Carballo ou Campa dos Romeiros no ano 1724.
A ermida é de planta rectangular e nela destaca a fachada sinxela, así como o campanario de arco de medio punto peraltado e con dúas campás: unha no van e outra adosada no exterior.
Na fonte de cantería hai unha inscrición que narra o traslado do corpo do Apóstolo Santiago, e un relevo que escenifica parte da lenda. Os apóstolos dos laterais pertenceron ó antigo coro pétreo da Catedral de Santiago, obra do mestre Mateo. Tanto a capela como a fonte datan do ano 1670.
Se nos diriximos cara ó solpor atopamos a N-525 e un xardinciño con cruceiro de 1887, pagado a escote polos fregueses conforme reza o pedestal. De esteo hexagonal e capitel corintio con follas de acanto e cabezas de anxo, mostra a cruz tallas de Cristo e a Dolorosa moi coidados e con movemento. Á outra banda da estrada álzase a igrexa parroquial. Na Casa Grande de Galegos (a casa do Cóengo) viviu o historiador, arqueólogo e novelista Antonio López Ferreiro que morreu no 1910, sendo a Historia de la Santa Apostólica Metropolitana Iglesia de Santiago de Compostela, a súa obra máis importante.
Hai na parroquia, un conxunto de muíños de auga restaurados que mesmo se poden ver funcionando, e que forman parte da coñecida como Ruta dos Muíños.
Para seguir a Ruta da Prata, dende a ermida do Santiago, seguimos en dirección Compostela pola Devesa, As Abelleiras e a Campa do Carballo. Era este un espacio de repouso para os peregrinos e aínda hoxe se conserva o arboredo e as vizosas praderías.
O camiño continúa pola ladeira do Pico Sacro, pasando polo fondo do Coto da Cruz e chega ó cruceiro de Castrelo, xa en Lestedo (Boqueixón). Neste cruceiro orientásenos con senllas inscricións “Vereda da Ulla” (na cara norte) e “Vereda de Sarandón” (cara oeste). O vieiro lévanos por Ardariz, Cusanca, Lestedo e A Picota, de retorno á Ponte Busacos.
A Ruta da Prata intérnase no termino de Santiago tras sobrepasar A Gándara, percorrendo A Susana, Aldrei, O Sisto, Piñeiro, O Eixo, Angrois, o Cruceiro do Sar e a rúa Castrón Douro, ata penetrar no casco vello polo arco de Mazarelos, vestixio das portas da antiga cidade amurallada.
Hai na parroquia de Vilanova un Albergue para peregrinos que estean a percorre-lo Camiño de Santiago pola Ruta da Prata. (+información)
A celebración máis sonada desta parroquia é a romaría do Santiaguiño, o sábado anterior ó último domingo de agosto; tamén son dignas de mención as festas do S.Pedro en xuño, a primeira fin de semana tralo 29 dese mes.