Luvas Verdes
Programa de Voluntariado ambiental destinado a minimizar os impactos dos vertedoiros incontrolados no medio. Trata de coordinar os veciños, asociacións e interesados para saír a limpar e humanizar as zonas verdes que están sendo utilizadas para estes fins ao tempo que se conciencia a poboación sobre a correcta xestión dos residuos.
Luvas verdes conta con varias liñas de actuación :
- Campaña para informar e sensibilizar: creada e impulsada para incentivar na veciñanza o coidado do medio, pretende reflectir a realidade da situación ao tempo que se ofrecen as solucións para evitar cada caso concreto. Son accións publicadas mensualmente no boletín de información municipal.
- Vixilancia e control: trátase de implicar aos veciños no seguimento e vixilancia do medio ambiente e dos lugares inventariados como puntos negros de vertidos. Intentase motivar aos habitantes a denunciar estas actividades ante as autoridades competentes.
- Voluntariado ambiental: participar activamente da limpeza dos espazos co fin de erradicar os puntos negros e os lugares de vertidos incontrolados. Planifícanse saídas mensuais a lugares localizados e inventariados como zona de vertido por varios puntos do concello.
- Recuperación ambiental: trátase de recuperar as condicións ambientais dos lugares, focos e puntos negros recuperados nas campañas de limpeza mediante a sementeira, limpeza e acondicionamento destes espazos.
O concello de Vedra, en colaboración con SOGAMA, organiza campañas de fomento da reciclaxe mediante unha correcta separación de residuos, ademais de explicar as vantaxes da elaboración de compostaxe a partir de restos orgánicos.
Os participantes reciben información detallada sobre os residuos que se deben depositar en cada tipo de colector e móstranselles os hábitos e comportamentos que deben adoptar para reducir a produción de lixo en orixe, sacar o máximo proveito aos produtos a través da reutilización, e separar axeitadamente os residuos por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado, recordando que no colector amarelo deben depositarse os envases de plástico, as latas e os bricks; que o azul se destina a acoller os de cartón e papel; que o iglú verde resérvase para as botellas, frascos e tarros de vidro; e que o contedor verde convencional recolle a fracción resto.
Tamén se presta atención ás pilas, facendo uso dos minicolectores específicos, que se atopan a disposición da cidadanía en centros escolares, locais sociais, casas consistoriais e establecementos comerciais. Porque, se ben é certo que hai que ser extremadamente coidadosos coa xestión de todo tipo de desperdicios, o certo é que no caso das pilas, dado o seu alto poder contaminante, debemos ser aínda máis rigorosos polos riscos que este material entraña para o medio ambiente se non se trata de forma independente.
Así mesmo, a compostaxe doméstica terá o seu lugar pola importancia que representa para a reciclaxe da materia orgánica e o aforro económico. De feito, o concello de Vedra implantou, coa axuda de SOGAMA, un programa de autocompostaxe en 30 vivendas rurais que xa están a fabricar o seu propio abono natural, utilizándoo como fertilizante natural nas súas hortas e xardíns.
Dado que na composición media da bolsa de lixo os restos orgánicos representan en torno ao 40 por cento, con esta práctica diminúese notablemente a cantidade de refugallos introducidos nos colectores xenéricos, minorando igualmente o importe das facturas a pagar a SOGAMA.
Pero non todo se centra en explicar e formar, senón que os educadores tamén recollen, a través de enquisas, as opinións dos cidadáns acerca do actual sistema de xestión de residuos, resolvendo as súas dúbidas e corrixindo posibles erros, frecuentes á hora de clasificar o lixo.
As campañas teñen continuidade nos distintos centros escolares e tamén entre as asociacións do Concello.
O concello de Vedra, sabedor da importancia que teñen as campañas e programas de concienciación medio ambiental entre a poboación, promove distintos convenios de colaboración con empresas e sociedades especializadas neste ámbito, para levar a cabo ditos programas ou campañas.
Colabórase cos centros educativos de Vedra no programa Voz Natura con xornadas de repoboación nas marxes dos ríos e reprodución de especies no viveiro do concello e tamén se levan a cabo xornadas de concienciación medio ambiental no Punto Limpo cos nenos dos colexios de Vedra e coas distintas asociacións do Concello.
O Concello puxo en marcha unha campaña de apoio á separación e reciclaxe deste residuo tan común nos nosos fogares.
Na inmensa maioría dos fogares, o aceite de cociña usado vértese polo sumidoiro, feito que ten graves repercusións medio ambientais e económicas:
- Contamina os acuíferos subterráneos e as augas fluviais, ademais de repercutir negativamente sobre a fauna e a flora acuáticas.
- Obstrúe a rede de sumidoiros doméstica e municipal provocando atoamentos.
- Obstrúe as depuradoras, o que reduce a súa efectividade e tempo de vida útil, incrementando os custos de depuración de auga e diminuíndo a eficacia de dita depuración.
- Serve de alimento de ratas e outros bichos, favorecendo a proliferación de roedores.
O concello de Vedra instalou en catro puntos da nosa localidade uns colectores de aceite usado de cociña, co obxectivo de que os veciños e hostaleiros do concello, poidan contribuír a coidar o medio ambiente cun xesto que evita que se produzan atoamentos e malos olores nas tubaxes dos fogares, aparte da contaminación que supoñen para o noso entorno.
Os colectores son de cor verde escura e levan uns letreiros de cor laranxa. O aceite ten que depositarse só en envases de plástico ben pechados para evitaren derrames na rúa. Non hai que esquecer que 1 litro de aceite usado de cociña pode contaminar ata 10.000 litros de auga.
O concello de Vedra para facilitar a reciclaxe á veciñanza conta con colectores de pilas en distintos puntos das parroquias para facer máis doado desbotar as pilas.
Sabías que… unha pila alcalina usada e desbotada no lixo, pode contaminar ata 100 litros de auga e orixinar cáncer, problemas de ril, de pulmón, do sistema nervioso central, e inclusive a morte segundo a cantidade de inxestión do mercurio e do cadmio que conteñen.
PARROQUIA | LUGAR |
VEDRA | CENTRO DE SAÚDE |
CASA DO CONCELLO | |
LUDOTECA | |
PANADERÍA RAVIÑA | |
ESTANCO DE VEDRA | |
SAN XIÁN | BAR BARREIRO |
SAN FINS | PANADERÍA REY |
ILLOBRE | SUPERMERCADO O TERRÓN |
TROBE | PANADERÍA OTERO |
SAN PEDRO SARANDON | BAR CALVIÑO |
SAN MIGUEL | A TABERNA DO FERRADOR |
VILANOVA | ALBERGUE DE PEREGRINOS |
BAR MARTIÑO | |
SANTA CRUZ DE RIBADULLA | SUPERMERCADO CASA CARRILLO |
DROGUERIA EL SOL | |
SAN MAMEDE DE RIBADULLA | TABERNA MOSQUEIRO |
PANADERÍA ALBELA | |
PONTE ULLA | SUPERMERCADO O FORNO DA ULLA |
GASOLINERA PONTE ULLA | |
MERIN | VDA. DE PARADA Y ALBELA |
FRUTAS COMPOSTELA |
Control de vertedoiros incontrolados
A través do Voluntariado Ambiental: participando activamente na limpeza dos espazos co fin de erradicar os puntos negros e os lugares de vertidos incontrolados implicando aos veciños no seguimento e vixilancia do medio ambiente e dos lugares inventariados como puntos negros de vertidos. Inténtase motivar aos habitantes a denunciar estas actividades ante as autoridades competentes.