O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia ten como obxectivo fundamental mellorar a mobilidade e accesibilidade no contorno de todas as áreas metropolitanas e, polo tanto, que os cidadáns dispoñan dun mellor servizo de transporte público colectivo que sexa unha alternativa competitiva e eficiente ao transporte privado.
Nesta liña, a Xunta de Galicia e os concellos das diferentes Áreas Metropolitanas están a traballar para a posta en marcha dos novos Plans de Transporte Metropolitano co obxectivo de mellorar a competitividade, calidade e eficiencia do servizo.
O Plan de Transporte Metropolitano na Área de A Coruña activouse o 24 de xaneiro de 2.011. As Áreas de Santiago de Compostela e de Ferrol se implantaron respectivamente con data do 14 e do 21 de marzo de 2011, e o Plan da Áea de Lugo implantouse o 5 de novembro de 2012.
Piares do novo Plan de Transporte Metropolitano:
Tres son os piares fundamentais do novo plan:
Integración tarifaria: a novidade radica no cambio do actual modelo quilométrico a un modelo zonal. Isto supón pasar de prezos baseados na distancia xeográfica entre os puntos de orixe e chegada a unha tarifa única para cada ámbito zonal previamente definido, sen que haxa diferenzas segundo o modo de transporte público utilizado, a empresa que preste o servizo e o número de transbordos que fagan as persoas usuarias na mesma viaxe, porque estes estarán bonificados cando se realicen dentro do marco temporal habilitado para cada zona.
Mellora da oferta de servizos: Incrementaranse os servizos de transporte a través da implantación dos servizos de interese municipal (SiMu) e de servizos de interese metropolitano (SiMe).
Mellora das infraestruturas: o obxectivo é mellorar a información para a cidadanía nas terminais e puntos de parada. Para iso actuarase sobre cuestións tales como a colocación e renovación de marquesiñas e postes de parada.