O nome de Vedra relaciónase, segundo algúns autores, coa voz que significa "camiño de tránsito", en referencia a unha das vías de peregrinación que pasa por estas terras, a Vía da Prata. Pero a tese máis defendida sostén que deriva de VETERA, antiga ou vella, e así pode observarse na toponimia galega pero tamén na castelá e portuguesa.
Proxecto Toponimia de Galicia no concello de Vedra
Proxecto Toponimia de Galicia nace da necesidade de defender e conservar o partrimonio toponómico galego. Calcúlase que sumándolle a microtoponimia se pode chegar a preto de 3 millóns de topónimos en toda Galicia. Esta abundancia de nomes viuse favorecida pola dispersión dos núcleos de poboación; a enorme repartición da terra (minifundismo)... e a propia idiosincrasia dos galegos de querer nomear cada anaquiño da súa terra.
Mediante este proxecto, no concello de Vedra elaborouse unha gran base de datos a través dunha exhaustiva e coidadosa recolleita oral, transcrición e revisión científica de cada topónimo.
No noso tempo, a transformación demográfica e a progresiva desaparición dos modos de vida tradicionais amenaza gravemente a conservación deste avoengo tesouro toponímico. Estas e moitas outras son razóns suficientes para levar a cabo este proxecto, porque o riquísimo manto toponímico que cubre toda a nosa xeografía, humanizaa, culturizaa e engádelle un vasto pouso histórico de incalculable valor.