Novas tecnoloxías e audiovisuais
Con este proxecto trabállanse determinados aspectos no eido das novas tecnoloxías e do audiovisual, xa que hoxe en día é algo primordial para os mozos e mozas tanto á hora de acceder ao mercado laboral como de acceder á información.
Nesta oferta formativa figuran cursos de: Photoshop, deseño web, fotografía, gravación e montaxe audiovisual…
Obxectivos:
- Proporcionar á mocidade as nocións básicas ou avanzadas para o traballo con estas ferramentas.
- Utilizar as TICs como elemento motivador.
- Ofrecer aos mozos/as do rural unha oferta formativa de calidade, preparándoos para o seu futuro laboral.
Aventura na natureza
Este proxecto desenvólvese ao longo da primavera e o verán, e alterna diversas actividades naturais e deportivas, que permiten realizar unha actividade física, fomentar un ocio activo e uns hábitos de vida saudables ao mesmo tempo que traballamos a concienciación sobre o respecto á natureza, á preservación do patrimonio natural e o coñecemento e posta en valor deste.…
Actividades: ráfting, sendeirismo, descenso do Ulla en piraguas, barranquismo, viaxe á neve, parques multiaventura...
Campamentos de verán
Ofrecen a posibilidade de vivir unha experiencia alternativa, onde poder realizar distintas actividades ao tempo que se goza das vacacións de verán. Neste proxecto os/as participantes poden divertirse a través dun amplo programa de actividades que van dende dinámicas e xogos, obradoiros, deportes, veladas... etc.
Diferentes modalidades: campamentos municipais, campamentos da Xunta, prazas para campamentos da Deputación da Coruña.
Obxectivos:
- Potenciar a participación, a colaboración e o compañeirismo.
- Incentivar a non dependencia, e aprender a tomar decisións que lle permitan valorar todo o que posúen.
- Fomentar hábitos de hixiene, limpeza e alimenticios.
- Realizar actividade manuais, intelectuais, motoras, creativas...