A orixe da igrexa remóntase á segunda metade do S.XII. É un edificio composto dunha nave e ábside con arco central dobre, decorado con arquiños cegos. Sopórtano columnas e capiteis que seguen a pauta románica. O capitel sur aparece decorado con follas e o norte con animais entrelazados polas patas. En canto ós retábulos maior e do Rosario, son barrocos (S.XVIII), como a imaxe da Patroa.
Inmediata á igrexa, encóntrase o esteo octogonal con capitel corintio, que configura o cruceiro dezaoitesco e, nas proximidades do campo da festa, a ermida de S.Gregorio.
En Socastro emprázase a Casa Grande da Costa, coa súa herdade sombreada por carballos e a ermida dedicada a Sto. André. Fronte a esta, destaca unha escultura do S.XV. Poida que pertencese a unha tumba, xa que a parte posterior (a que iría unida a lápida) vese pouco traballada. Representa un guerreiro vestido con cota, mans enluvadas que aferran a espada e un puñal envainado na cintura.
Nesta parroquia cóntase, ademais, cun pazo (de Guimaráns) edificado no S.XVII pola familia Abraldes. A fachada é de canteiría e nela destaca a porta principal con arco de medio punto e escudo con coroa. No teito, a dúas augas, chaman a atención as dúas chemineas con remates. Na entrada principal, fóra do portal, está a capela cun sinxelo campanario e escudo na fachada, e, na finca, unha fonte do S.XVIII declarada monumento nacional.
Entre as celebracións de freguesía, mencionaremos a festa da augardente, á que poderá sumarse o viaxeiro se acode nos días de marzo. O S.Brais no domingo seguinte ó 3 de febreiro e o S.Mamede o 7 e 8 de agosto.