Depáranos unha das máis típicas estampas do val do Ulla, o conxunto integrado pola igrexa e a rectoral, rodeadas de labradíos, praderías e retallos de hortas froiteiras. Na rectoral salientamos o portalón coroado por unha cruz singular e o galo cataventos. Comenta Castelao no libro As cruces de Pedra na Galiza: “polo portalón entra o camiño na casa, e a cruz esconxura de lonxe aos demos e trasgos, facéndolles saber que para entraren alí é mester pasar por baixo dela e acatar a súa lei”. Combínase o entrelazo celta (cruz-monograma) co círculo e os brazos iguais. Este modelo de cruz ornamental dataría, en opinión de Castelao, do período románico, e herdaríano o gótico e o barroco.
No campo da festa temos o inevitable cruceiro (S.XVIII), de fuste octogonal, capitel dórico e cruz florenzada. Nunha cara aparece o Cristo crucificado e na outra a Inmaculada con coroa e un anxo orante.
En Merín destacan os festexos de S.Pedro Mártir, o domingo seguinte ó 29 de abril, e o San Cristovo, o primeiro domingo despois do 10 de xullo.