Na estrada Pontevea- Ponte Ulla tomará o viaxeiro a pista que conduce ó couto de Ximonde, onde ha disfrutar dun delicioso paseo pola ribeira ou cruzar a ponte colgante. No couto ten a súa sé a Estación Ictiolóxica de cría e reprodución do Ulla.
Continuando pola mesma ruta, o empalme de Sarandón, deberá desviarse camiño da Estrada, para coñecer a igrexa, o Pazo de Ximonde e a Ponte de Sarandón. Ó pé do templo parroquial encontrará o campo da festa, cun palco redondo e un cruceiro do S.XIX na parte máis alta. Á dereita érguese a igrexa e a meritoria rectoral. Esta casa é, segundo a documentación histórica, a máis antiga do concello de Vedra e data de 1482.
O Pazo, de fins do S.XVIII, é un edificio notable, proxectado en principio para configurar unha planta cadrada, anque quedasen dúas ás sen construír. No que foi o patio interior, pódese admirar a fachada barroca en figura de “L”, un fermoso soportal e a solaina do primeiro andar. No patio, ó que se accede por escalinata, hai dúas fontes, unha delas empotrada na edificación. Destaca na fachada o escudo cos brasóns dos Cisneros, familia que alcanzaría en 1766 o título de Condes de Carlos II. O couto de pesca pertenceu a esta herdade que, na actualidade, aparece amurallada cunha construcción complementaria nas inmediacións: o típico hórreo levantado en pedra. Nas proximidades destaca o pombal da Pedreira. Se o visitante arriba en outono, recoméndanse as vistas dende a Ponte Sarandón, magníficas no solpor, co río discorrendo mansamente entre amieiros, salgueiros e freixos.
É aconsellable achegarse o segundo domingo de abril, data en que se celebra a Exaltación do viño do Ulla. O 9, 10 e 11 de agosto son as festas do S.Campio e as do patrón, S.Miguel, o 29 de setembro.