Baixo o padroado de Sto.André, érguese a igrexa de fachada barroca. No interior está a lápida sepulcral de Nausto, bispo de Coimbra. Segundo transcrición do profesor M.Núñez, a lápida di así: “Aquí descansa tranquilo o bispo Nausto de feliz sorte, sacerdote ó que a fe alimentadora levou ós ceos...xace neste sepulcro o día 22 de novembro do ano 912. Sexa enviada para el unha piadosa oración”. No exterior do templo está o cruceiro de 1788 co reixado de ferro.
En Vilarpiñeiro ubícase o que poderíamos denominar “espacio museístico do artista Andrés Betetos”. Compóñeno a ermida dos Remedios (1858), as imaxes e un crucifixo no interior, o cruceiro (1866) e un escudo (1851) que presidía o obradoiro do mestre. Dna. Ceferina Pérez Porto conta que o seu bisavó era autodidacta e que empezou a traballar a madeira con navalla. Outras obras de Betetos son: un Neno Xesús na parroquial e outro na Corticela (Catedral de Santiago), así como o cruceiro en Lestedo. Andrés definíase como “Mestre escultor e pintor de Historia”.
En Paizás, viviu a súa nenez e mocidade o escritor Xosé María Castroviejo. Froito desas vivencias no val do Ulla, é o libro Memorias dunha terra.
Destacan as celebracións do Carme o domingo seguinte ó 16 de xullo, a romaría dos Remedios o último domingo de agosto e o entroido cos correos, xenerais e parrandas que constitúen unha singularidade da Ulla.