Persoeiros

LUÍS MARCELINO PEREIRA

Naceu o 26 de abril de 1754 en Santo André de Illobre. Foi un auténtico ilustrado que tivo de profesión a de avogado e que en 1781 fundou en Madrid o xornal "El Censor", unha especie de pequena enciclopedia popular que procuraba instruír deleitando, e inculcando as súas avanzadas ideas.

JUAN IGNACIO ARMADA

Naceu o 30 de agosto de 1757 no Pazo de Ortigueira. Foi o quinto marqués de Santa Cruz de Ribadulla e o xefe do Batallón de Literarios “previa investidura como doutor en tódalas facultades para consolida-la súa autoridade moral” durante a Guerra da Independencia.

PEDRO MARÍA DE CISNEROS

Naceu probablemente en Santiago e herdou o título de conde de Ximonde en 1799. Pedro de Cisneros era rexedor de Santiago e distinguiuse pola súa protección á Sociedade Económica de Amigos do País e por sufraga-los gastos da escola de debuxo. Como rexedor de Santiago, foi nomeado vocal da Xunta de Defensa e Armamento do Reino de Galicia o día 31 de maio de 1808. En setembro dese ano, Pedro de Cisneros entrou a formar parte da Xunta Central Suprema Gobernativa do Reino de España.

JOVELLANOS

O ilustrado e político asturiano Gaspar Melchor de Jovellanos estivo en 1811 no Pazo de Ortigueira (Santa Cruz de Ribadulla) e deixou fe desa visita no comezo do tomo segundo da súa Memoria en defensa de la Junta Central , escrita para defende-la súa actuación nela, onde estivo acompañado polo conde de Ximonde, Pedro de Cisneros.

ANDRÉS BETETOS, ESCULTOR E PINTOR

Naceu en Trobe, e alí ergueu a ermida dos Remedios (1858). Outras obras importantes son: escultura de San Miguel para San Miguel de Sarandón e pintura do altar e púlpito para San Xián de Sales.

ANTONIO LÓPEZ FERREIRO, CÓENGO E HISTORIADOR

Naceu en Santiago en 1837 e morreu en Galegos (San Pedro de Vilanova), hoxe Pazo Galegos. Foi nomeado en 1866 párroco de Santa Eulalia de Vedra e en 1871 concedéronlle o cargo de cóengo arquiveiro da Catedral compostelá. Tamén foi un dos encargados da busca das reliquias do Apóstolo Santiago en 1879, que durante séculos estiveran agochadas na Catedral por temor ás invasións. Publicou varias novelas en galego como A tecedeira de Bonaval , O castelo de Pambre ou O niño de pombas.

BENITO LOSADA, MILITAR E ESCRITOR

Naceu en Santiago en 1824 e morreu en San Mamede de Ribadulla. Convencido anticlerical, interésase na política, especialmente no liberalismo, e afíliase ó partido republicano. E só no último cuarto do século comeza a súa actividade literaria, con poesías en castelán ó principio e obras en galego máis tarde.