Centro Social da Terceira Idade

O concello de Vedra conta cunha poboación total en torno aos 5.100 habitantes, da cal un 23% pertence ao colectivo da Terceira Idade, que está en progresivo aumento e que precisa non só dunha atención asistencial, preventiva, recuperadora e de mantemento da autonomía, senón tamén do fomento da participación e integración na comunidade na procura da mellora da calidade de vida.

O Programa de Animación e Desenvolvemento Comunitario co colectivo da Terceira Idade que se leva a cabo dende o Centro Sociocultural da Terceira Idade componse dun conxunto de actividades formativas, de relación e de ocio que serven para reforzar a adquisición de habilidades sociais e para canalizar a participación dos maiores na comunidade; complementadas cun servizo de cafetería (espazo destinado a cafetería, sala de xogos de mesa…), servizo de información (espazo con mesa e cortiza, con información sobre temas de interese para as persoas maiores, programa de actividades...)

Os obxectivos que se perseguen son:

  • Potenciar a participación, integración e autorrealización das persoas maiores na comunidade.
  • Promover a formación permanente das persoas maiores cunha finalidade de actualizar  coñecementos.
  • Fomentar o incremento na cantidade e calidade das interaccións e relacións entre persoas. (relacións sociais).
  • Reforzar e optimizar as habilidades e facultades persoais e sociais co obxecto de incrementar a autonomía persoal, evitando a dependencia.
  • Fomentar a participación activa dos maiores como factor de cohesión social e como factor preventivo de determinadas problemáticas.
  • Recuperar o protagonismo e utilidade social dos maiores a través do fomento do voluntariado e das relacións entre xeracións.
  • Ofrecer un amplo abano de posibilidades na utilización do ocio e o tempo libre, proporcionando medios de esparexemento adecuados á súa idade e intereses.

As actividades que se desenvolven abarcan as seguintes áreas:

Área de Servizos Sociais:
Actividades:

  • Información e tramitación de recursos sociais, prestacións, pensións, programas de ocio e tempo libre...

Área Educativa: 
A través deste tipo de actividades preténdense compensar déficits educacionais que puideran existir ou ben alcanzalos obxectivos relacionais apoiándose no repaso de coñecementos ou inquedanzas xa esquecidas.

Área de Saúde:
Actividades de prevención do deterioro cognitivo e de mantemento das capacidades físicas.

  • Escola de saúde e consumo: (Accións orientadas a educar na prevención e fomento de hábitos e estilos de vida saudables entre persoas maiores)
  • Ximnasia Xerontolóxica: (Busca manter e mellorar o nivel físico, mental e emocional.
  • Obradoiro de traballo corporal: estiramentos, respiración e relaxación.
  • Fisioterapia ( Regulamento do servizo de fisioterapia)

Área de Expresión Plástica e Artística:
Este tipo de actividades, á vez que axudan a adquirir destrezas nunha materia determinada, serve de oportunidade privilexiada de encontro persoal e de relación. Actividades: Canto Coral, Teatro

Área Formativa e Convivencia:
Actividades onde prima o traballo sobre habilidades sociais e de comunicación, se ben tamén existe un compoñente educativo.
Actividades:

  • Obradoiro de memoria (Para manter ao máximo o desenvolvemento das capacidades intelectuais e prever problemas de memoria dentro dun envellecemento normal. Con esta actividade trátase de contribuír ao mantemento das funcións cognitivas a través de dinámicas de grupo, orientación á realidade...  )
  • Charlas informativas sobre temas de interese: asuntos legais na actualidade, prevención de timos e roubos...
  • Faladoiros de convivencia
  • Baile e actuacións
  • Xogos de mesa
  • Cine
  • Viaxes e visitas.

Actividades de voluntariado: 
Tendentes a facilitar la participación na comunidade: acompañamento de maiores (dependentes) e difusión de información..., no marco do Programa de Voluntariado do concello de Vedra.

Actividades interxeracionais:
Actividades que buscan un mellor coñecemento mutuo mediante o intercambio de ideas..., e que así os mozos valoren a experiencia vital dos maiores.