Cartafoles de recursos didácticos - Programa Educativo Ulla Elemental

Cartafol de recursos didácticos
 
A Camelia é unha das flores do inverno máis apreciadas e de características moi diversas que enfeitiza coa beleza das súas fl ores a canta xente camiña preto delas. Unha flor que luce nos pazos, nas rúas, nas casas grandes... do Concello de Vedra pero sen esquecerse de que está cultivada e estendida por esta zona pola comunidade vedrés.
A súa tipoloxía, as súas características, a súa variedade de cores, formas e tamaños, a súa historia, as súas aplicacións... fan da Camelia unha flor tan singular coma interesante.
 
A realidade paisaxística e ecolóxica do Concello de Vedra é a día de hoxe unha das máis ricas da zona do Ulla, aínda que vai en declive coa chegada do progreso a estas terras.
Son moitas as especies de flora e fauna que comezan a desaparecer, propiciando á perda da diversidade de especies e chegando a ter un solo empobrecido. Isto acontece en especial co río Ulla e o seus pequenos regueiros, o problema da contaminación das súas augas, a cantidade de verteduras ocasionadas nelas, a falta de coidados, a construción de encoros..., provocan pouco a pouco a destrución e esquecemento do valor da terra.
 
Nunha bisbarra de romaría interminable non é doado resumir a realidade lúdica.
Nestas terras de duro traballo, establecer descansos periódicos era unha necesidade, polo que nos atopamos con máis dunha festa relixiosa en cada parroquia, así vemos como se celebra o patrón e o copatrón. Ámbolos dous adoitan coincidir con ciclos ben definidos, unhas veces previos e outras posteriores ás grandes labores agrícolas.
Se asemade temos en conta o elevado número de entidades de poboación existentes en Vedra e as numerosas parroquias que a configuran teremos unha idea clara da contía das súas festas.
 
Tendo por certo que o coñecemento das transformacións sociais, económicas, políticas e culturais a nivel local,  microhistórico, postas en conexión coas de nivel macrohistórico é fundamental para a comprensión cabal e crítica do noso entorno presente, acometemos a tarefa de elaborar uns materiais sobre a emigración en Vedra. Unha proposta didáctica que pretende ser unha ferramenta educativa ao servizo dos mestres de primaria e do 1º ciclo de secundaria e dos seus alumnos adscritos aos centros educativos do noso concello.