X DUATLON CONCELLO DE VEDRA POR EQUIPOS

Preto de 500 duatletas danse cita en Vedra, na festa do dúatlon galego.
Cidade de Lugo Fluvial en categoría feminina e Inforhouse Santiago na masculina fanse cos títulos de campións galegos 2025.
 
Unha edición máis do Dúatlon Concello de Vedra, e xa van 10, despois de que aló polo 2014 botase a andar o dúatlon de Vedra, e coa paréntese de 2 anos por mor da pandemia, na que
a localidade coruñesa se convertíu na capital autonómica da modalidade. Malia a haber un pequeno descenso de participación, tendencia xeral nas probas da Fegatri nos últimos
tempos, foron case medio millar de duatletas e un total de 67 equipos os que se daban cita un ano máis nunha proba que xa é todo un referente no calendario autonómico.
O dúatlon de Vedra constituía neste 2025 o campionato galego da modalidade contra o reloxo por equipos, que consiste en completar un percorrido de 5 quilómetros a pé, 20 en
bicicleta e novamente 2,5 quilometros a pe, e na que os equipos van saíndo cada minuto e están compostos por 6 deportistas, que deben ir agrupados en todo momento, e na que o
tempo o marca o cuarto deportista en cruzar a liña de meta.
Despois de 3 edicións nas que a mala climatoloxía puxo as cousas moi difíciles a deportistas e staff da proba, neste ano chegou  un día fresco pero agradable, que fixo que a pista de rodadura de Vedra
e as súas inmediacións rexistrasen a presenza de moitos aficionados para disfrutar dunha xornada de deporte e compañeirismo, que é o piar fundamental desta modalidade.
Nesta edición de 2025 o Cidade de Lugo Fluvial arrasaba na categoría feminina, con un tempo de 1:10:43 e lograba o seu segundo título autonómico da modalidade, superando en
máis de 6 minutos ao Inforhouse de Santiago (1:16:46) que foron segundas, completando o podio o Triatlón Atlántico cun tempo de 1:17:25. Na proba masculina estivo máis rifada a clasificación
cos 3 primeiros equipos do podio separados por menos de medio minuto.
O Inforhouse Santiago logrou o seu quinto título de campión galego, cun tempo de 58:28 superando ao Cidade de Lugo Fluvial (58:40), que foi segundo e a Asociación Deportiva Fogar (58:52) que
foi terceira, no que constitúe a primeira presencia no podio autonómico da modalidade destas dúas escadras, no que a categoría masculina se refire.
Nesta edición as escadras locais do Olímpico de Vedra non tiveron presencia nos postos de premiación, pero novamente volveron raiar a gran nivel, cun cuarto posto na categoría feminina e un sexto na
masculina.
No que respeta a proba Open o Inforhouse Santiago venceu tanto en categoría masculina como feminina.
O balance que fan dende a organización, Concello de Vedra e Club Olímpico de Vedra, ao amparo da Federación Galega de Tríatlon, é moi positivo. O Dúatlon concello de Vedra leva dez edicións de vida, sendo cada ano o dúatlon con máis participación da nosa comunidade,
e iso é un motivo de orgullo para eles, pero tamén unha responsabilidade. Unha organización, que pese a ser xa experimentada, está plenamente composta por persoas voluntarias, máis de 80 que aportan o seu gran de area.
Tamén son parte imprescindible as empresas locais, que de diversas maneiras colaboran co evento. En definitiva, unha pequena localidade de menos de 5000 habitantes, que se volca ano tras ano con unha proba, que xa é unha seña de identidade dun concello.