Vedra asina pacto de amizade co municipio italiano de Capannori.
O xoves 28 de outubro da semana pasada, na sede municipal do concello de Capannori asinouse o 'Pacto de Amizade' entre o mencionado concello italiano da Toscana e o Concello de Vedra. Foi asinado polo alcalde de Capannori Luca Menesini e o alcalde de Vedra Carlos Martínez Carrillo.
As Administracións de Capannori e Vedra estableceron relacións de intercambio grazas á participación no programa europeo Erasmus + dende 2017, mentres que en maio de 2018 o Concello de Vedra participou no Día de Europa que se celebrou en Capannori e na inauguración da zona dedicada á Europa do “camelieto”, de S. Andrea dei Compito, coa plantación dunha camelia vedrense símbolo da amizade entre Vedra e Capannori. Posteriormente nas Xornadas Arredor da camelia do ano 2019 celebradas en Vedra asinouse un preacordo de amizade.
Trátase de dous concellos vinculados por unha serie de elementos que unen ás súas comunidades, incluído un territorio rural, no que se dan numerosas actividades artesanais importantes con producións de calidade, a presenza da camelia como elemento característico e relevante do territorio; o viño, a música, os camiños (o camiño de Santiago, a Vía Francígena) pero sobre todo preocupados pola formación da súa mocidade en orde a mellorar as competencias necesarias para o mercado laboral, mocidade pola que as dúas administracións municipais coa firma do pacto de amizade, comprométense a continuar e fortalecer a acción institucional cara ás súas comunidades locais co obxectivo de intensificar as relacións internacionais inspiradas nos valores europeos de liberdade, democracia e solidariedade. é definir proxectos conxuntos para promover o encontro entre as dúas comunidades, en particular potenciando a camelia e o turismo sostible e cultural e o intercambio entre a mocidade co obxectivo de aumentar as súas habilidades e potenciar os seus talentos.
Polo tanto, o Concello de Capannori e o Concello de Vedra comprométense a desenvolver propostas de proxectos para a obtención de financiamento europeo relacionado en particular co Programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV) e programas Erasmus +, co obxectivo de levar a cabo proxectos que involucren e teñan un impacto significativo nas comunidades cidadás, organizacións voluntarias e empresas locais.