Agora mesmo xa son máis de 400 familias as que fan compostaxe doméstica no noso municipio, impedindo deste xeito que os residuos orgánicos xerados en Vedra percorran longas distancias, evitando a emisión de gases contaminantes á atmosfera e axudando na loita contra o cambio climático ao tempo que contribúen a mellorar a calidade dos nosos solos retornando a materia orgánica ao chan en forma de compost.
Dende o Concello de Vedra queremos chegar a todas as familias do municipio, por iso pomos á disposición da veciñanza os medios materiais e humanos necesarios para realizar unha compostaxe de calidade.
Se estás interesada/o en comezar a compostar podes solicitar gratuitamente o teu composteiro mandando un correo a residuoskmcero@concellodevedra.gal indicando o teus datos (nome completo, DNI, dirección, teléfono e correo electrónico), amais recibirás:
- Formación específica en compostaxe.
- Seguimento personalizado realizado por un/ha mestre/a composteiro/a.
- Asesoramento profesional a través do Teléfono da compostaxe (dispoñible para persoas usuarias do proxecto, de luns a venres de 16 a 20 horas).
Apúntate á compostaxe e fai de Vedra un concello con RESIDUOS KMCERO.