De Trobe á Ponte Ulla (pola Lc-241, a 400 m) alcanzamos o empalme coa estrada de Vedra. A 2Km dese punto sitúase a parroquial e o campo da festa co cruceiro. Data o mesmo do S.XVII ten fuste cadrado con chafráns; capitel con caveira e tibias cruzadas e 3 cabezas de anxos; a representación dun mártir na cara norte; e a inmaculada con coroa no lado leste. O altar foi incorporado en 1905, cun enreixado de ferro no que se representan dous anxos e custodia.
Da dereita do campo da festa parte a pista que leva a Cubelas, unha aldea ribeirá do Ulla que conta cunha área de recreo. Un espacio de grande interese paisaxístico e ecolóxico acharémolo na Barca, integrado por carballeiras, terras de labor, praderías e árbores froiteiras, ademais do arboredo típico de ribeira: salgueiros, abeleiras, amieiros, vidos e loureiros.
O 2 de Febreiro é a tradicional cerimonia das Candeas, o 29 e 30 de xuño o S.Pedro e a festa da Concepción o primeiro domingo de xullo.