Entrando na freguesía, á altura de Trasariz e á dereita da estrada, pódese contemplar o marco da Potra, un esteo que delimita a estrema con Teo. Á esquerda corre o río do Pereiro, e curso arriba, ferve a auga nuns cachóns que amenizan a paisaxe.
Se continuamos pola estrada, alcanzaremos unha rotonda onde debemos virar á esquerda para visitar a ermida de S.Caetano. Á dereita mana unha fonte milagreira, usada en tempos pola veciñanza para facer o formento do pan.
A estrada principal rebasa a Casa Consistorial e chega deica a igrexa. Pola carreira maior encontraremos o cruceiro que marca o inicio do Vía Crucis, rematado por outro cruceiro do S.XVII ó fondo. Ten varal cilíndrico, cruz latina con nós. Cristo coroado de espiñas e a imaxe da Virxe do Rosario coa inscrición:”Santa María ora pro nobis”.
No muro do adro hai unha fonte (con pía que debeu ser bautismal) e unha pedra cun busto esculpido e unha lenda inscrita. No inmediato campo da festa resalta o tradicional palco e os carballos centenarios. A igrexa ten por patroa a Santa Baia e foi construída en tres fases: primeiro a capela maior en 1755, a nave central abovedada e as capelas que forman a planta de cruz latina no 1792, e o esvelto campanario en 1809, obra do mestre Baltasar Carballo. O interior garda tres interesantes retábulos barrocos: os dous enfrontados da nave central realizados por Francisco Moas (entre 1744 e 1777), e o maior encargado a Manuel Leis (1761). Neste último sobresae a imaxe da Patroa, unha escultura con ritmo e tratamento do manto que lembran a Gambino, nome relevante da plástica galega. Aquí exerceu de párroco o historiador e arqueólogo Antonio López Ferreiro do 1866 ó 1871.
Fronte ó campo da festa está a Casa Grande de Pousada, con capela e hórreo de fins do S.XVIII.
Merece mencionarse tamén: a Casa Grande do Burgo, que conta así mesmo con capela, e os muíños (algún en activo) do curso do río Pereiro.
O primeiro domingo de setembro festéxanse as Dores e o 10 de decembro as patronais.