VISITA DA CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN CARMEN POMAR AO CPI PLURILINGÜE DE VEDRA E O CEIP ORTIGUEIRA

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anuncia que as obras de ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra comezarán este verán, e explicou que a previsión do seu departamento é licitar a actuación no primeiro trimestre de ano para que se poidan empezar a executar os traballos unha vez rematen as clases, de tal xeito que interfiran o mínimo posible na vida escolar. Neste momento estase a supervisar o proxecto.

Cun importe de licitación aproximado de 900.000 euros, a actuación consiste na ampliación do centro a través dunha nova edificación, na que se situarán 8 aulas de educación secundaria. A construción do novo edificio permite redistribuír as aulas de infantil e primaria no edificio xa existente, no que se realizarán tamén melloras.

Deste xeito, no edificio actual situarase o taller de tecnoloxía na que agora é a aula de Educación Infantil e colocarase a Sala de Usos Múltiples no que neste momento é o devandito taller. Así mesmo, dividiranse tres aulas de infantil para poder contar con seis espazos para desdobres, incorporaranse aseos a dúas aulas de infantil, substituirase o actual grupo electróxeno por un novo e reformarase a entrada do centro.

No marco dunha visita na que estivo acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, a conselleira destacou a implicación da comunidade educativa deste centro do rural, que participa activamente en diferentes iniciativas impulsadas desde a Consellería. De feito, ademais de ser plurilingüe, o CPI forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), conta con libro dixital a través de E-Dixgal e participa no Plan Proxecta, en concreto no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional. O traballo do centro foi, asemade, recoñecido cun dos Premios Proxecta de Innovación Educativa 2018 por un proxecto de dinamización lingüística.

CEIP de Ortigueira

Así mesmo, a titular do departamento educativo da Xunta visitou esta mañá en Vedra o CEIP Ortigueira, un colexio tamén moi activo que desenvolve, no marco do Proxecta, o proxecto deportivo Centros Activos e Saudables e é un dos 159 centros públicos galegos de Primaria que conta con kit de Robótica para fortalecer o avance dos escolares nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM).

Carmen Pomar quixo salientar o compromiso do seu departamento co concello de Vedra no que, desde 2009, se investiron preto de 220.000 euros en melloras en centros educativos, investimento que se elevará agora a máis de 1 millón de euros coa ampliación do CPI Plurilingüe.

 

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36970/ampliacion-cpi-pluril...