Que ver
Son un importante patrimonio natural, cultural, arquitectónico e etnográfico que che permite descubrir a historia que escondo nesta terra.
O meu patrimonio natural conta cun claro protagonista, o río Ulla e os seus afluentes que conforman a paraxe do val; un espazo protexido pola Rede Natura 2000. Destaco co Couto de Ximonde e coa súa ponte colgante, un dos coutos de salmón máis importantes de Galicia.
A miña arquitectura ten a súa pegada nas construcións relixiosas (igrexas e capelas) e nos numerosas pazos e casas grandes, que servían de residencia de descanso á nobreza. O meu mellor referente é o Pazo de Ortigueira ou de Santa Cruz de Ribadulla, declarado Ben de Interese Cultural. Tamén conto cos Pazos de Ximonde, Guimaráns, A Costa e Vista Alegre.
Ligados ás construcións dos pazos, destacan diversos elementos etnográficos: pombais, hórreos e cruceiros, que teño espallados por todos os lugares.
A arquitectura da auga ten en min identidade propia: pontes que permiten o paso do río Ulla, como a antiga ponte do tren de Gundián ou a moderna do A.V.E.; fontes,lavadoiros e muíños, coma os que integran a Área de Interpretación dos Muíños.
As miñas terras son coñecidas como a “horta e xardín de Compostela”. O característico microclima deste val, convérteme nun lugar idóneo para a agricultura, que podes gozar en prados, hortas, viñedos e belos xardíns, nos que gardo un lugar destacado para a camelia.