Pesca fluvial

O concello de Vedra forma parte do territorio que constitúe Área Santiago, grupo de dezaseis concellos da zona de Santiago de Compostela que traballamos na promoción turística conxunta e que abrangue o sur da provincia da Coruña e o norte da provincia de Pontevedra, separadas ambas as dúas polo río Ulla, que fai de fronteira natural.

Precisamente, un dos principais elementos que definen este territorio é a presenza de dous dos principais recursos hídricos de Galicia, tanto por caudal coma pola súa riqueza natural, paisaxística e mesmo cultural: o Sistema Fluvial Ulla-Deza, do que forma parte o noso concello, e que a delimita polo sur, e o río Tambre e os seus afluentes, que a demarcan polo norte.

A riqueza piscícola (troitas, salmóns, lampreas, reos e escalos) conxúgase nestes contornos cunha variada fauna e flora, composta por plantas e árbores de ribeira e especies acuáticas de gran vistosidade, pero tamén a existencia dun importante patrimonio descoñecido de muíños, pesqueiras, represas, sendeiros, etc, de indubidable interese para viaxeiros interesados no coñecemento do medio natural.

Así, o obxectivo xeral de Área Santiago é fomentar o aproveitamento turístico dos nosos ríos, a través da práctica de deportes fluviais: principalmente a pesca (pero tamén o sendeirismo fluvial - como exemplo o proxecto “Goza do Ulla” que iniciamos fai uns anos-, o rafting, descenso en kaiak, piragüismo, etc.) e do seu patrimonio natural e cultural asociado (muíños, represas, pontes, etc.).

Por elo, durante os últimos meses de 2014 desde Área Santiago vimos traballando na configuración do produto turístico de pesca fluvial, tanto na información que precisa o visitante pescador como na formación de sector turístico relacionado, neste caso os establecementos de turismo rural que actúan como anfitrións.

Neste sentido, a páxina web de Área Santiago conta xa cunha sección específica de Pesca Fluvial (www.areasantiago.es/pesca-fluvial ) en tres idiomas (galego, español e inglés) na que os visitantes pescadores poden atopar información precisa sobre os ríos, as áreas de pesca, a tramitación de permisos e licencias e os aloxamentos de turismo rural que pola súa proximidade, as súas características ou o seu cariño ao río, están especialmente recomendados para os amantes da pesca e o turismo fluvial, aloxamentos todos que entre finais de 2014 e principios de 2015, mostraron o seu interese por traballar neste produto turístico vinculado á pesca fluvial, para o que asinaron o correspondente compromiso de adhesión.

Así mesmo, Área Santiago acaba de publicar, a primeira guía informativa sobre a pesca fluvial que se edita en Galicia en clave turística, na que se recollen aspectos de interese para este tipo de turista pescador, como trámites e permisos, modalidades de pesca, especies, zonas de pesca recomendadas e informacións prácticas, aloxamentos adheridos ao proxecto e outras informacións complementarias

http://www.areasantiago.es/files/2015/06/GuiadePescaAreaSantiagoweb.pdf

 Esta primeira edición da guía, que se actualizará anualmente coincidindo co inicio da temporada de pesca, estará dispoñible on-line en tres idiomas (galego, español e inglés) na sección de pesca da web antedita:www.areasantiago.es/pesca-fluvial

Tamén nestes días, Área Santiago está a levar a cabo o Famtrip/Presstrip de Pesca Fluvial co obxectivo de dar a coñecer a deportistas de elite, medios especializados e turoperadores as potencialidades do noso territorio como destino de turismo de pesca fluvial.

Área Santiago trata de fomentar a práctica deste deporte de río na súa variedade de captura e solta (pesca sen morte), para para evitar a sobre explotación dos nosos cursos fluviais e a necesaria sustentabilidade medioambiental