Camiño de Santiago - Miñoto-Ribeiro

 Este antigo camiño discorría dende o norte de Portugal ata a cidade do Apóstolo, atravesando zonas das provincias de Ourense e Pontevedra, e entrando na Coruña pola Ponte de Sarandón, no Concello de Vedra. Ao longo da historia, esta ruta medieval ademais de ser ruta de peregrinación foi utilizada polos arrieiros para levar o viño do Ribeiro a Compostela. Polo tanto, este camiño deixou unha pegada de grande significado e transcendencia tanto no comercio como no relixioso na Idade Media e na Idade Moderna. Abundan os documentos históricos que fan mención a este itinerario.

 

Este Camiño existe dende sempre, pero aínda non é oficial, ou sexa, aínda non está recoñecido como Camiño de Santiago polos estamentos oficiais eclesiásticos nin civís, aínda que en 1783 o arcebispo de Santiago pedíalle ao rexedor do Ribeiro que arranxara determinados puntos deste camiño para que poideran pasar mellor por el “peregrinos, viajeros y comerciantes”, como consta nos libros existentes no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Municipal de Ribadavia (sito no Museo de Ribadavia).
Por este motivo, formouse unha Asociación no ano 2014 coa finalidade de acadar o seu nomeamento oficial, e na que se unen persoas de estamentos públicos (concellos das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, e tamén de Portugal) e privados, organismos e asociacións; cunha finalidade común: visibilizar este Camiño, promocionalo, e que todo iso sirva para mellorar a calidade de vida desta zona e dos seus habitantes.

No ano 2017, o Concello de Vedra desenvolveu un campo de traballo para realizar o marcado do mesmo no tramo do municipio.  O Camiño entra no territorio vedrés pola Ponte de Sarandón e discorre pola aldea de Corbeixe (San Mamede de Ribadulla) ata o portalón do Pazo de Ximonde. De aquí atravesa Silva de Arriba (San Miguel de Sarandón) por camiños secundarios ata chegar a aldea de Sarandón. O último tramo localízase nas parroquias de Merín (Chao de Cartas) e Vilanova.