Camiño de Santiago - Via da Prata

Todo aquel que se achegue ata o Concello de Vedra debe saber que polas súas terras discorre unha das vías de peregrinación que conducen a Compostela, a coñecida como Camiño Real ou Vía da Prata. Esta última etiqueta, hoxe en día a máis estendida, provén da idea de que este camiño é a prolongación da calzada romana denominada Vía da Prata, que comunicaba Mérida e Astorga cruzando de sur a norte o oeste peninsular, e que, trala desaparición da estructura administrativa romana, foi aproveitada como vía de peregrinación a Compostela.

Esta Vía fai a súa entrada en terras de Vedra pola Ponte Ulla, e dende aquí atravesa varios lugares ata chegar á aldea de Outeiro, na veciña parroquia de Vilanova. Aquí cómpre facermos un alto no camiño para poder observar con atención a capela do Santiaguiño que data do século XVIII.

Xunto a ela hai unha fonte barroca que sobresae polo seu valor lendario, e que foi trasladada alí no ano 1724 dende un lugar máis alto. Ten unha inscrición que fala do traslado do corpo do apóstolo Santiago e un relevo que representa parte da lenda do Dragón, relacionada coas sagas da Raíña Lupa. No centro da fonte pode verse unha representación do apóstolo, flanqueado polos seus discípulos Teodoro e Atanasio. Segundo algúns autores estas dúas figuras procederían do antigo coro románico da Catedral de Santiago, obra do Mestre Mateo.

A poucos metros da ermida, atopámo-lo último albergue de peregrinos do Camiño antes de chegar a Santiago de Compostela.

Continuamos o camiño deixando o Pico Sacro á dereita, para volver máis tarde ao territorio de Vedra e atravesar o río Pereiro por Ponte Busacos.

Dende alí o camiño continúa pola Susana, xa dentro do Concello de Santiago, e por Santa Lucía, Angrois e Sar. A entrada da Vía da Prata na cidade faise pola porta de Mazarelos, na que hai unha alusión a esta terra da Ulla, nunha inscrición que fala da chegada a través dela dos viños da Ulla.

 

Albergue de Peregrinos de Vedra