Escolas rurais e cloud computing

Proxecto “Rural schools virtual communities for education in the cloud”

Participan: Centro de Supercomputación de Galicia e C.R.A. de Boqueixón-Vedra.

Financia: Laboratorio I+D de Hewlett-Packard (California, USA), Centro de Supercomputación de Galicia.

Calendario: Setembro 2010 – Setembro 2011

Web: http://rural.cesga.es

Resumo do proxecto:

O proxecto está enfocado a deseñar, implementar e avaliar unha retadora experiencia educativa na contorna dun C.R.A. (Colexio Rural Agrupado): empregar a computación cloud como medio para compartir, aprender e aproveitar dunha maneira eficiente os limitados recursos TIC dispoñibles nunha pequena rede de escolas rurais na contorna de Santiago de Compostela, para poder mellorar a calidade do ensino, o traballo colaborativo e a comunicación entre toda a comunidade educativa. Éste será un proxecto piloto para aprender cales son as mellores formas de optimizar a computación cloud para que sexa realmente útil para as escolas rurais en calquera parte do mundo.

Obxectivo xeral:

O obxectivo principal deste proxecto é avaliar unha solución baseada en cloud computing que proporcione servizos de aprendizaxe e colaboración remota ás redes de escuelas rurais.

Obxectivos específicos:

•Deseñar e desenvolver unha solución de software e hardware, baseada en computación cloud e de código aberto, axeitada para nenos, profesores e pais nas pequenas escolas rurais.
•Probar esta solución nunha contorna real nun Centro Rural Agrupado, o de Boqueixón-Vedra, na contorna de Santiago de Compostela.
•Avaliar esta solución dende o punto de vista técnico e de satisfacción dos usuarios.
•Contribuir coas nosas experiencias a outras comunidades con necesidades similares (pequenas comunidades, dispersión, acceso a Internet limitado).

Tecnoloxía:

A computación cloud (ou en nube) é un tipo de tecnoloxía de recente aparición que permite acceder a unha serie de servizos informáticos e responder a necesidades do usuario de forma flexible e personalizada, a través de Internet. Os usuarios, neste caso, os membros da comunidade educativa (nenos, pais, profesores), poderán acceder a todos os servizos dispoñibles no sistema (aplicacións, recursos, etc.) sen necesidade de ser expertos ou ter que instalar ningún programa específico, posto que todos estes recursos e servizos execútanse en servidores remotos “na nube” (é dicir, en Internet).

Este sistema parece moi adecuado ás necesidades e tipoloxía específica dos Centros Rurais Agrupados (CRAs). Un CRA é un centro público situado no ámbito rural, que imparte educación infantil e primaria, e que ten a particularidade de que está composto por varios centros en pobos ou aldeas distintas (entre 5 e 15), pero que funciona como unha única escola a nivel administrativo e funcional. Este modelo funciona desde os anos 90 en España, e deu viabilidade ao mantemento das antigas escolas unitarias en poboacións nas que quedaban poucos nenos para xustificar un centro con todos os recursos necesarios para cada pobo, á vez que proporcionando un ensino de calidade e cun modelo de centro moi integrado na súa comunidade local.

O modelo de software como servizo (SaaS) da tecnoloxía cloud permite que non sexa necesario instalar o software en cada computador, senón que está accesible en Rede para todos os membros da comunidade educativa. Isto limita os custos de licenzas de software necesarios e garante que todos os recursos estean dispoñibles en todos as escolas e ordenadores onde fagan falta. Isto tamén reduce o número de problemas técnicos relacionados con instalacións e actualizacións de software, sabendo que  estas escolas rurais non contan con persoal técnico que poida solucionar de forma inmediata estas incidencias.

 

PROXECTO PILOTO EN BOQUEIXÓN-VEDRA

A iniciativa que levará a cabo o CESGA, implantará e avaliará un proxecto piloto durante o curso 2010 - 2011 que facilite o acceso a recursos e ferramentas online avanzadas que faciliten traballo colaborativo entre todos os membros da comunidade do CRA, a posibilidade de realizar actividades simultáneas en todos os centros “en vivo” a través de Internet, e de posibilitar realmente que se converta nun “centro 2.0”, sen portas nin horarios, onde a comunidade educativa poida interactuar en calquera momento -desde calquera das aulas, desde casa-, compartir recursos, comunicarse, traballar en común...

O proxecto “Comunidades Rurais Virtuais en Cloud para Educación” permitirá implantar e avaliar as posibilidades da tecnoloxía cloud na escola rural, onde, sobre  unha plataforma tecnolóxica virtualizada e escalable, disporanse recursos, materiais e ferramentas adaptadas á escola e as súas necesidades,  posibilitando a todos os membros da comunidade educativa o acceso de forma moi sinxela a un espazo online a través dun navegador web, onde estarán dispoñibles os recursos e aplicacións necesarios para facilitar as actividades educativas, información e traballo colaborativo entre as diferentes escolas que pertencen a un CRA. Para iso, previamente, analizaranse as necesidades deste colectivo concreto, e desenvolveranse aquelas aplicacións ou recursos para dar resposta á súa situación.

O proxecto conta cun orzamento de 67.000 euros, dos que 40.500 proporciónaos HP Labs, sendo os restantes achegados polo propio CESGA.

O centro seleccionado para participar no proxecto piloto é o CRA de Boqueixón-Vedra, coa sede principal en Lestedo, pero que integra sete escolas dentro do mesmo CRA (Lestedo, Sarandón, Sergude, San Xián de Sales, San Fins de Sales,  Camporrapado I e II).

 

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) é unha Fundación participada pola Xunta de Galicia e polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde a súa creación en 1993, o CESGA ten a misión de contribuír ao avance da ciencia e a técnica mediante a investigación e aplicación de computación e comunicacións de altas prestacións, en colaboración con outras institucións, para beneficio da sociedade. O CESGA é unha Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular recoñecida polo Ministerio de Ciencia e Innovación (MICINN). O equipamento xestionado por CESGA contou con financiamento da Xunta de Galicia, CSIC, MCINN e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Máis información: 
Para obter máis información sobre esta iniciativa pode contactar con María José R. Malmierca na área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia: 981569810   e-learning@cesga.es  ou, en HP, Jim Vanides, Responsable do programa de educación a nivel mundial de HP jim.vanides@hp.com