Vedra asina convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro

 

O Concello de Vedra volve apoiar a Casa de Rosalía ao converterse en Mecenas do Museo

  • Este mediodía o alcalde do municipio, Carlos Martínez Carrillo, asinou o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, representada polo seu presidente Anxo Angueira
  • Este concello xa apoiara a creación da Casa Museo en 1971 cunha achega de 500 pesetas
  • En virtude deste convenio, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. En tempos de Covid, as e os veciños de Vedra poderán visitar o museo de xeito gratuíto
  • Anxo Angueira: “Esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións”

Padrón, 15 de febreiro de 2021. Carlos Martínez Carrillo, o alcalde do Concello de Vedra, asinou esta mañá o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, que o converte no oitavo concello Mecenas da Casa de Rosalía dentro do proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a causa común de Galicia”, en palabras do seu presidente Anxo Angueira.

En virtude deste convenio anual polo que o Concello de Vedra achega 1.000 euros, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Sen embargo, dado que estas visitas non están permitidas por mor das restriccións da Covid 19, mentres os veciños e veciñas de Vedra poderán visitar o museo acreditando documentalmente a súa procedencia.

Con esta decisión Vedra refrenda así o seu compromiso histórico con esta institución, dado que xa apoiara economicamente en 1971 cunha doazón de 500 pesetas para a posta en marcha da Casa-Museo.

Centos de persoas de todo o país -e máis alá- xa se converteron en Amigas da Casa de Rosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira. A subscrición popular está a ser un grande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa Protectores (desde 60€/ano), así como varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros ao ano.

“En 2019 acadamos unha taxa de autofinanciamento próxima ó 50%, que é unha cifra considerable”, afirmou Anxo Angueira. “Porén esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremos intentando facer o mellor servizo posíbel á causa da difusión nacional e internacional do legado de Rosalía e da súa familia”.

Segunda subscrición popular

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.

Achegamos fotografías da sinatura do dito convenio.

Vídeo “Faite Amiga/o da Casa de Rosalía”