A pasada semana, os socios do proxecto Eramus + Entrando na economía Gig puideron de novo reunirse de maneira presencial para avanzar no seu desenvolvemento. O proxecto, do que forman parte como socios españois o Concello de Vedra e AGACA, é unha interesante iniciativa que busca aproximarse a un mellor coñecemento da realidade da economía Gig (emprego autónomo), analizando os seus riscos e oportunidades e involucrando a todos os grupos de interese afectados polos cambios que supón esta forma de traballo. O obxectivo final é acadar alianzas rexionais que desenvolvan en común instrumentos prácticos para lles facilitar á mocidade e a todos os que se vexan dentro do mercado de traballo da economía Gig unha mellor compresión deste.
Nesta ocasión, os socios do proxecto (procedentes de Irlanda, Países Baixos, Italia e España) reuníronse na cidade de Lucca (Italia) para analizar diversos aspectos sobre o desenvolvemento do proxecto ata o momento e para deseñar as accións dos próximos meses. Por parte do Concello de Vedra asistiron o alcalde, Carlos Martínez Carrillo, e a coordinadora do proxecto, para presentarlles aos socios a Guía «Paso a paso» para a elaboración da Estratexia rexional e o Plan de acción, así como o Plan de traballo (planificación) para a elaboración deses dous documentos. O responsable da elaboración foi o Concello de Vedra. AGACA colaborará co Concello no traballo de campo cos grupos de interese galegos, para deseñar a estratexia rexional e definir os plans de acción en Galicia.
O proxecto amplía o coñecemento sobre a economía Gig e prepara as persoas e as comunidades para as súas oportunidades e ameazas. Esta iniciativa é moi importante, especialmente hoxe en día, cando a economía Gig (contratar a un profesional para un evento concreto de duración determinada) se está a volver cada vez máis popular e trae novas oportunidades de emprego no difícil momento actual. Pode accederse a máis información sobre o proxecto no seu sitio web, enteringthegigeconomy.eu.