LICITACIÓN DAS OBRAS DE AMPLIACIÓN NO CPI PLURILINGÜE

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  licita as obras de ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra, que contarán cun orzamento de 955.425,06 euros. A previsión é que as obras comecen a executarse este verán, de tal xeito que interfiran o mínimo posible na vida escolar.

A actuación consiste na ampliación do centro a través dunha nova edificación, na que se situarán 8 aulas de educación secundaria. A construción do novo edificio permite redistribuír as aulas de infantil e primaria no edificio xa existente, no que se realizarán tamén melloras.

Deste xeito, no edificio actual situarase o taller de tecnoloxía na que agora é a aula de Educación Infantil e colocarase a Sala de Usos Múltiples no que neste momento é o devandito taller. Así mesmo, dividiranse tres aulas de infantil para poder contar con seis espazos para desdobres, incorporaranse aseos a dúas aulas de infantil, substituirase o actual grupo electróxeno por un novo e reformarase a entrada do centro.